Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra.
A nosa orixe remóntase ao 7 de outubro de 1991 nunha asemblea de profesores convocada polo sindicato UTEG-INTG co obxectivo de avaliar a Lei de Normalización lingüística que se botaba a andar naquel momento. Entre outras conclusións acordábase nesa asemblea que “ era necesaria e urxente a participación do profesorado nas equipas de normalización lingüística dos centros co obxectivo de lograrmos que fosen dinámicas e normalizadoras”. Rachábase, xa que logo, coa liña que se viña mantendo de non participar nelas.
A actividade desenvolvida ao longo dos 28 anos é a causa de que a asociación teña un amplo recoñecemento na sociedade ferrolá. Cóntanse por milleiros os que participaron e participan das nosas actividades, ben como protagonistas directos ben como espectadores das mesmas.
A Coordinadora marcouse como obxectivos, entre outros, o pular por acadar niveis de uso para a nosa lingua cada día máis amplos no camiño de lograrmos a súa normalización e, paralelamente, pretendemos tirar de dentro dos muros escolares todas aquelas potencialidades artísticas para que sexan avaliadas e gozadas pola sociedade ferrolá, alén do efecto favorábel cara o uso do noso idioma. Son múltiples e variadas as nosas actividades: música, teatro, obradoiros, percursos falados a nivel comarcal, galego e internacional… Este claro compromiso a prol da nosa lingua foi unha das razóns polas que o Diario de Ferrol no ano 2007 nos premiou co seu recoñecemento na área de Educación.
Mantemos, tamén, unha longa colaboración co Concello de Ferrol co que temos un convenio que nos permite realizar distintos proxectos xa consolidados e que forman parte da oferta cultural da cidade para toda a comarca. Estas son programadas anualmente e realízanse no Teatro Jofre e/ou no Auditorio. Alén daquelas que se realizan ao ar libre na Praza de España. Eís a relación das mesmas:
– Festival Musical “ A Mocidade coa Lingua”
Nunha primeira etapa nos Cantóns, logo, nunha segunda etapa, no Teatro Jofre e nos ultimos anos no Auditorio de Ferrol.
– “ Cousas da Lingua” ano 1995. Asinouse un convenio para a realización de 5 programas . O seu formato presentábase en tres partes :
- Entrevista e/ou debate sobre o estatus da lingua:
- O estatus político da Lingua: Xosé Manuel Beiras
- A lingua na administración de xustiza : Daniel García Ramos
- A literatura galega e a liberdade de expresión: Francisco Rodríguez
- A lingua e a igrexa católica : Alfonso Blanco Torrado
- As asociacións culturais e a lingua: Delia Vázquez e Elvira Roiz.
- Proxectábanse os traballos dos alumnos: poetas, músicos, narradores gravados nos exteriores de Ferrol.
- Lingua e realidade : gravación en directo no mercado, praza e comercios do Ferrol a clientes e comerciais co obxectivo de criar unha opinión favórabel ao uso da nosa lingua nese ámbito.
- Participouse no “I Curso para os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino” organizado polo Consello de Cultura Galega en febreiro de 1999.
– Ciclo de cinema en galego “En galego, de película”, nunha sala comercial.
– Recitado de poesía no centro cultural “Ricardo Carvalho Calero”
– “Teatro con G” no Teatro Jofre
– “En galego, sen filtro”
Certame de interpretación plástica de textos en diferentes linguas traducidas ao galego. Realízase unha exposición cos traballos seleccionados no Centro Cultural “Ricardo Carvalho Calero” facéndoa coincidir coa entrega dos premios. Logo circula por centros de ensino e/ou casas de cultura de concellos da comarca.
– Certame de microrrelatos, micropoesía e microteatro “Carmela Loureiro”.
As obras seleccionadas son posteriormente editadas.
– “Ferrol de Frores Cuberto“ na Praza de España.
Ven sendo o proxecto máis xove, apenas ten catro anos. Márcase como obxectivo a recuperación dos maios.
E agora, aquí estamos, de novo con Carvalho, e coas pitas.